Sempre a correr chegan Plié e Relevé ao teatro para mostrar a súa gran coreografía. O público xa está preparado para ver a función, a música comeza a soar… pero, para a súa sorpresa, a súa escenografía non está no escenario! En troques desta atopan unha montaña de plásticos.
E quen foi a que fixo, esta montaña de lixo?
Estará a súa estrutura, debaixo de tanta varredura?
Farán un espectáculo fantástico, a partires de todo este plástico?
As dúas bailadeiras mergúllanse nun mar de lixo, descubrindo novos xogos e creando mundos extraordinarios nos que deberán crear cultura a partir da varredura.
Comunícanse con pareados, móvense con pasos de ballet inventados por elas mesmas e axúdanse das luces para crear diferentes atmosferas ó longo do espectáculo, dando así ritmo e rima á obra.
Lixo está creado a partires de material plástico reciclado co que facer escenografías para o xogo, cando estes obxectos poderían ser simples desperdicios. A intencionalidade da obra é facernos ver dunha maneira divertida, os problemas que poden surxir debidos ó excesivo plástico que empregamos e ó mal uso que facemos del.