Diego Alonso 5tet trátase dun quinteto de jazz liderado polo saxofonista e compositor vigués que da nome ao mesmo, con Pablo Patiño ao contrabaixo, Antón Quintela á batería e os consolidados Xan Campos ao piano e Virxilio da Silva á guitarra, ambos referentes na escena do jazz a nivel internacional. A totalidade do grupo está formado por músicos galegos nados entre o 1984 e o 1997, sendo polo tanto un conxunto de músicos novos e cun grande compromiso co desenvolvemento de proxectos musicais asociados ao jazz e á improvisación en Galicia.
Todos eles comparten unha profunda relación, tanto académica como laboral, co universo jazzístico galego e portugués, así como co resto da Península Ibérica e Europa formando parte de diversas iniciativas.