Constance Hurlé é unha compañía de artes vivas de carácter multidisciplinar onde o eixo é o diálogo entre a palabra, o corpo e a música.
Xorde ao redor da figura da artista galaico-astur Constance Hurlé que, dende o ano 2010, comeza a sacar adiante producións propias dándolle forma escénica ás súas creacións literarias a base de micro pezas, monólogos ou performances.
Co paso do tempo afianza a súa linguaxe escénica onde tanto a poesía como a música adquirirán cada vez máis importancia, convertíndose en marca diferenciadora desta compañía de artes vivas.
As súas pezas camiñan no filo da performance procurando unha identidade xenuina, fuxindo das categorías tradicionais de teatro, danza ou poesía.
As obras de creación propia de Constance Hurlé atópanse dentro de tres liñas principais de traballo: poesía de carácter performativo, concertos poéticos e pezas de teatro contemporáneo, que na meirande parte son de formato micro e con interacción coa danza.